Thursday 28 de March de 2024

Moeche licita a xestión do ambigú da piscina municipal


A concesión farase por dous anos, prorrogables por outros dous anos máis

O criterio de adxudicación será o económico, partindo dun canon de 400 euros anuais

A presentación de ofertas debe facerse a través da ferramenta electrónica da Plataforma de contratación co Sector Público. O prazo remata o 25 de maio

O Concello de Moeche ten aberto o prazo de recepción de propostas para xestionar a cantina da área recreativa de Soutogrande. A persoa ou empresa que presente a oferta ganadora comprometerase a levar o ambigú durante a temporada estival deste ano e o que vén, con posibilidade de continuar despois outros dous anos máis, ata o máximo de catro que permite a normativa. O criterio de adxudicación será o do prezo máis alto partindo dun mínimo de 400 euros anuais (1.600 euros para os catro anos). Quen obteña a concesión deberá atender o servizo de bar da área recreativa, vender as entradas puntuais da piscina e manter limpas as instalacións, incluídos os vestiarios e servizos. A oferta económica e a documentación administrativa poden presentarse até o 25 de maio. O trámite ha de facerse obrigatoriamente a través do sistema electrónico da Plataforma de Contratación do Estado.

Tal e como recollen os pregos, o obxectivo do procedemento é outorgar o “uso privativo” do bar da área recreativa durante a temporada de verán, marcando como tal desde o primeiro día de apertura da piscina municipal ata o día de peche e, como moi tarde, o día 30 de setembro.

Durante ese período establécense horarios de apertura mínimos para o ambigú -coincidentes cos da piscina-, que van das 14:30 ás 21:00h os días de semana e de 12:00 a 21:00h os sábados, domingos e festivos. En setembro o horario de apertura mínimo será de 16:00 a 20:00 de luns a venres e de 12:00 a 21:00h na fin de semana. Ademais o servizo tamén terá que abrir cando se desenvolvan actividades municipais, como cursos de natación, proxeccións cinematográficas e outras que poidan programarse en Soutogrande.

Outras obrigas de quen obteña a concesión son, entre outras, a de manter abertas as instalacións da piscina e vender as entradas individuais diarias -os abonos xestiónaos o Concello-, limpar os vestiarios e aseos, emprestar as grellas propiedade do Concello, contar con persoal co carné de manipulación de alimentos, dispor de produtos locais e tamén sen glute e ter contratado un seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 500.000 euros.

No procedemento poderán participar persoas físicas ou xurídicas que teñan capacidade para contratar coas Administracións públicas. A través da ferramenta de presentación de ofertas da Plataforma de contratación co Sector Público deberán achegar toda a documentación requirida: por unha banda o Sobre “A” coa documentación administrativa e por outra o Sobre “B” contendo a oferta económica.

A concesión terá unha duración inicial de 2 anos, prorrogables por acordo das partes durante outros dous anos máis (até o verán de 2025, incluído). As propostas económicas deberán partir dos 400 euros de canon anual (1.600 euros para os catro anos) e, de feito, ese será o único criterio de adxudicación. Dito doutro modo, quen ofreza o importe máis elevado será quen xestione o ambigú, cumprindo sempre con todas as obrigas reflectidas nos pregos técnicos e administrativos e baixo supervisión municipal.

Todas as persoas e empresas que estean interesadas na xestión da cantina de Soutogrande poden consultar a información a través desta ligazón e deben ter moi presente que o prazo para a presentación de ofertas rematará ás 23:59h do próximo 25 de maio.